top of page

Chamamento para un encontro libertario na primavera de 2016

 

A mediados do século pasado configurouse un escenario, nos países centrais, no que, por vez primeira na historia, se desenvolveron sistemas de protección social de carácter universal, así como unha incipiente mobilidade social que permitiu a algúns sectores da clase obreira «abandonala» para pasaren a formar parte das «clases medias». Estes dous elementos funcionaron como un poderoso anestésico que estabilizou o conflito social e evitou o cuestionamento das bases do sistema capitalista.

 

Hoxe este escenario trócase en drama: as «clases medias» intúen a súa próxima proletarización, mentres que cada vez é maior o espazo da exclusión, ocupado polos sectores traballadores, precarios e sen emprego, mocidade e inmigrantes. Ao mesmo tempo, os sistemas de protección social deterióranse, privatízanse e desmantélanse, e restrínxese o seu acceso precisamente aos máis desfavorecidos, de maneira que a asistencia sanitaria de calidade xa non está garantida, cuestiónase a súa utilización por parte dos anciáns, exclúese dela aos inmigrantes; o acceso a unha educación formal devaluada xa non garante mobilidade social de tipo ningún, como moito o acceso a un traballo (=explotación) sumamente precario.

 

Paralelamente, a crise enerxética e medioambiental, esquecida nos últimos anos despois de situárense no primeiro plano os recortes económicos e as súas repercusións, non fixo máis que agudizarse, sen esquecer que vén da man do xa próximo esgotamento dos combustibles fósiles, os minerais estratéxicos e outros recursos básicos indispensables para o mantemento do desperdiciador modelo de produción e consumo imperante, anunciando o declive dunha sociedade da abundancia que o capitalismo prometía infinita e que hoxe sabemos dará lugar inevitablemente a espazos de inquedanza, aínda que tamén de esperanza.

 

É neste escenario onde xorden movementos e partidos que tratan de trasladar a mensaxe de que o problema reside na xestión, nun suposto rapto dos mecanismos da «democracia representativa», e ofrécense para xestionar o desastre, ocultando que o problema é o propio sistema. Pero afortunadamente aínda subsisten grupos antagónicos ao sistema capitalista en ámbitos como o sindicalismo, o antidesenvolventismo, o ecofeminismo, etc., cuxo denominador común é o rexeitamento do modelo social imperante, as prácticas de traballo horizontais e a esperanza de construír espazos de autoxestión. Malia que a maioría das veces actuamos parcialmente e de costas os uns aos outros.

 

Ante esta situación, activistas de diferentes sectores, conscientes da imperiosa necesidade e do crecente interés por atopar puntos de colaboración entre estes diversos grupos, colectivos e individuos que se moven á marxe das propostas de colaboración institucional ou electoralistas (todas elas curtopracistas), facemos un chamamento para un encontro estatal no que debater as posibilidades de confluencia e/ou coordinación.

 

Posto que partimos de realidades moi diferentes e de que o capitalismo xa impregna todos os espazos vitais, o que fai case imposible para a gran maioría das persoas «desertar» del, debemos recobrar a humildade, recoñecer que ninguén ten a verdade nin a resposta a todo, afastar as diferenzas e propoñernos como obriga o inmenso pero gratificante traballo de acadar a confluencia para poder enfrontar, nas mellores condicións posibles, a situación de debacle, desfeita ecolóxica e falta de cobertura das necesidades básicas, e recuperar territorios e instrumentos que permitan xestionar horizontalmente os espazos máis achegados a nós. E queremos construír este espazo de encontro e de traballo a partir das experiencias xa existentes, coas achegas de todas as persoas que estamos na loita diaria. Estamos obrigadas a logralo. Facémonos falta todas.

                                                                                                                                  

Correo electrónico de contacto: laapuestadirecta@gmail.com

 

bottom of page